Servizos

Coa fin de colaborar na normalización das persoas con problemas de saúde mental que viven no entorno rural, así como facilitarlles apoios e recursos de utilidade para a súa vida diaria, en Andaina Pro Saúde Mental ofrecemos os seguintes servizos:

Información, asesoramento e apoio

Proporcionamos ás persoas con problemas de saúde mental e ás súas familias información específica sobre saúde mental, así como asesoramento na toma de decisións. Isto  permitelles aumentar o coñecemento sobre a enfermidade e ter ferramentas para afrontala, mellorando así a convivencia e a relación entre as persoas achegadas.

 

De ser preciso, tamén derivamos ás persoas usuarias a outros recursos que poden resultarlles de utilidade, ademais de tramitar axudas e xestións administrativas diversas. Tamén nos coordinamos cos dispositivos de saúde mental da zona e cos servizos sociais de cada concello para o correcto seguimento das persoas coas que traballamos.

 

Andaina Pro Saúde Mental conta, igualmente, cunha Escola de Familias na que se realizan encontros e actividades formativas.


Rehabilitación

Realizamos actividades de rehabilitación psicosocial para persoas con problemas de saúde mental e os seus familiares, favorecendo así a recuperación funcional nas tarefas da vida diaria. Trabállase nos eidos social, laboral, psicolóxico e de saúde, fomentando a autonomía destas persoas de cara á súa integración social e laboral.

 

A atención que se ofrece a cada persoa é personalizada e responde á súa situación e inquedanzas. Trabállase tanto coas persoas con problemas de saúde mental como cos seus familiares, ofrecendo intervencións individuais e actividades grupais. Algunhas destas son talleres de habilidades sociais, grupos de apoio, rehabilitación cognitiva, arteterapia, cociña, educación para a saúde, deporte e informática. 


Atención en domicilios no ámbito rural

Para aquelas persoas con enfermidade mental crónica de longa duración que se atopan en situacións de alta conflitividade familiar, elevado nivel de dependencia e pouca conciencia da enfermidade, ofrecemos apoio e atención no fogar. Para iso, temos en conta as características específicas do entorno rural e as necesidades psicolóxicas e sociais destas persoas e das súas familias, tratando de aumentar a súa autonomía persoal, mellorar os vínculos familiares, fomentar a inserción social e prever a dependencia.

 

A intervención que se realiza é individualizada e adaptada á situación particular de cada persoa, identificando previamente as súas necesidades e deseñando un plan de traballo dende os eidos psicolóxico, social e sanitario. A fin última deste servizo é lograr a integración destas persoas na comunidade da súa contorna.


Formación prelaboral

Ofrecemos unha serie de actividades orientadas a mellorar a empregabilidade das persoas con problemas de saúde mental, fortalecendo as súas competencias e habilidades de forma individualizada de acordo á situación de cada quen. O obxectivo principal destas accións é facilitar a incorporación das persoas con problemas de saúde mental ao mundo laboral.

 

Para iso, contamos cun Centro Especial de Emprego centrado na produción de sidra e zumes. Previamente ao acceso a este centro, as persoas usuarias fórmanse para o posto de traballo específico de elaboración de bebidas fermentadas e zumes, adquirindo formación teórica e outras habilidades tales como puntualidade, cumprimento das tarefas e dos horarios, traballo en equipo, etc.


Participación sociocomunitaria

Queremos sensibilizar á sociedade sobre a realidade da saúde mental e implicala na abordaxe desta situación. Para iso, realizamos actividades tales como a emisión dun programa semanal en Radio Valga ou a representación de obras teatrais polas comarcas da zona. Tamén realizamos accións de comunicación e sensibilización, así como actividades de ocio e tempo libre. Deste xeito, aportamos á sociedade unha imaxe real das persoas con problemas de saúde mental, convidando á reflexión sobre os prexuízos e estereotipos que hai cara elas.

 

Tamén fomentamos a participación voluntaria na nosa asociación, posto que o voluntariado sempre foi un piar fundamental para Andaina Pro Saúde Mental. O voluntariado realiza tarefas diversas como o acompañamento en ocio, o apoio en actividades de comunicación e de participación na comunidade.